Percutindo de forma sostible

A música, como ben cultural e como linguaxe e medio de comunicación non verbal, establécese como un factor clave para o desenvolvemento integral das persoas. Amais, a súa condición transversal e global permite establecer ligaduras de unión con facilidade co resto de materias do currículo e cunha morea de elementos ou temáticas.

O Desenvolvemento Sostible sitúase hogano como unha das metas principais a acadar como sociedade. Este concepto multidisciplinar e pluridimensional reúne unha gran colección de angueiras e retos que debemos cumplir como colectivo para gozar con responsabilidade e equidade dos recursos materiais e inmateriais do noso planeta e ser quen de deixar unha sociedade e un planeta igual ou mellor do que nolo deixaron.

Así, a rapazada de 3º ESO aportamos o noso pequeniño gran de area coa construción de instrumental diverso de percusión como djembés e tambores de diferentes dimensións con materiais cotiás da nosa contorna habitual. Cubos de pintura, caldeiros, vasoiras, camisetas ou macetas, que nalgúns casos estaban en desuso ou xa moi desgastados, reciben unha nova vida en forma de idiófonos e membranófonos que máis tarde empregaremos para facer música, incidido nunha produción e consumo responsables.

Loxicamente, fíxose necesaria a compra dalgúns materiais para a posterior decoración e para axeitar determinados elementos. Non obstante, a nosa intención é seguir aumentado a diversidade do noso corpo de instrumentos paseniño sen a compra de máis materiais e combinar estes tambores con pequenos instrumentos de percusión presentes nas nosas cociñas, pendellos e faiados. Pequenos obxectos das nosas casas como tixolas, piñas, botellas de anís, ou mesmo, latas de pemento, que tanto arraigo teñen na nosa tradición musical galega serán o aditamento idóneo para as nosas posteriores interpretacións.

Para rematar, todo este traballo sería en balde se finalmente os nosos novos instrumentos non soasen como é debido para o noso cometido final, a organización dun espectáculo de percusión conxunta. Dispoñémonos a afinar os nosos instrumentos, preparamos baquetas e este é un petisco musical do noso progreso. Agardamos que sexa do voso agrado e vémonos nos próximos concertos.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *