Preparándose para o futuro laboral

O alumnado do segundo curso do Ciclo de Agroxardinaría e Composicións Florais está moi cerca de rematar a súa estancia no Centro, pois en breve comezarán o seu período de prácticas en distintas empresas da contorna e de aí moitos darán o paso ao ámbito laboral. É por iso que no módulo de Comunicación e Sociedade II están a coñecer e a familiarizarse con aspectos como elaborar un Currículum Vitae, facer unha carta de presentación, enviar un correo electrónico formal para presentarse a unha oferta de traballo, coñecer distintas plataformas e RRSS de busca de emprego ou preparar unha entrevista de traballo.

Un Currículum Vitae ben elaborado pode ser a chave que nos abra a porta a un proceso de selección nunha oferta de traballo, xa que é a primeira información que reciben as empresas sobre as nosas calidades e formación. O alumnado estivo aprendendo a realizar o seu propio CV, de xeito que cando o precisen, sexan quen de elaboralo con rigor e profesionalidade. Tamén puideron analizar os diferentes tipos de CV que existen e determinar cal se axusta máis ás súas necesidades actuais.

Outra das tarefas que se viron na teoría e que logo o alumnado tivo que levar á práctica foi a elaboración dunha carta de presentación propia e o envío dun correo electrónico formal para apuntarse a unha oferta de traballo ficticia pero no que tiveron que demostrar os coñecementos adquiridos ao longo das clases teóricas previas. Logo duns comezos vacilantes (non están acostumados a unha linguaxe máis formal, revisar varias veces a ortografía…), o alumnado foi collendo certa soltura e o resultado final das dúas actividades foi bastante satisfactorio.

Antes de rematar con esta preparación para a vida laboral, dedicáronse outras dúas clases a como preparar unha entrevista de traballo a través do visionado de diferentes recursos audiovisuais para coñecer un pouco a teoría básica deste tipo de entrevistas. O produto final desta parte da tarefa foi facer unha práctica na que houbo xogo de roles de entrevistador/entrevistado e na que puxeron en marcha os coñecementos adquiridos previamente.

Finalmente, presentóuselle ao alumnado distintas plataformas de busca de emprego e outro tipo de empresas como as ETT onde poderán presentar o seu CV e facer unha busca activa de emprego se o precisan unha vez rematado o seu período de formación neste Ciclo.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *