Un ano máis, o noso centro traballou co alumnado a conmemoración do día das Letras Galegas, desta volta, arredor da figura de Luísa Villalta.
O Concello de Cambados organiza un acto no que participamos tódolos centros da vila. Neste acto realízase unha ofrenda floral no monumento a Ramón Cabanillas, que está situado no paseo da Calzada, e o alumnado dos centros realiza diversas actuacións arredor da figura homenaxeada no día das Letras Galegas de cada ano. Nesta ocasión, os textos de Luísa Villalta foron os protagonistas da xornada.
Este ano os actos tiveron lugar no Salón de Exposicións e Congresos José Peña. Velaquí tedes ao alumnado de 1ºESO que participou no recital. Agradecemos a súa colaboración, sobre todo polo esforzo realizado, xa que no noso centro o día 16 de maio cadrou non lectivo, pero iso non foi impedimento para que se prestaran a colaborar de moi boa gana.
O noso centro tamén ideou o panel conmemorativo das Letras Galegas do 2024, que permanecerá exposto no paseo da Calzada durante uns días xunto cos paneis que elaboraron os demais centros educativos da vila. Como podedes observar, engadimos unha nota tradicional, co uso da lá para “bordar” o cartel, e unha nota máis actual, inserindo os códigos QR que nos levan aos catro programas de radio preparados polo alumnado de 4ºESO na materia de Oratoria e que tamén podedes escoitar a través das ligazóns que aparecen a continuación. Tradición e modernidade unidas para festexar a nosa cultura, a cultura galega.
Son catro programas:
Capítulo I. Onde se fai un percorrido pola historia das Letras Galegas. Tamén se fala das autoras homenaxeadas ao longo da historia desta celebración.
Capítulo II. Neste capítulo faise un percorrido pola vida e a obra de Luísa Villalta.
Capítulo III. Céntrase na análise da relación entre a música e a poesía de Luísa Villalta.
Capítulo IV. Realízase a lectura duns textos seleccionados da obra da autora Luísa Villalta.
Parabéns a toda a rapazada e ao profesorado que participou con ilusión e moita ledicia na celebración das nosas letras, da nosa cultura, da nosa lingua e da nosa literatura. Feliz día das Letras Galegas!