Por Santa Icía volveron as veladas…

Este 22 de Novembro estaba marcado no noso calendario dende hai semanas. Tiñamos na nosa mente que o día da música sería para nós un verdadeiro punto de inflexión.

Non podedes imaxinar o felices que nos sentimos todos ao poder celebrar unha vez máis unha velada musical no noso teatro, despois de case dous anos…

Esta pandemia rompeunos os esquemas dos dous últimos cursos; por esta razón, nin o alumnado de 1º, nin o de 2º (da ESO) e case todos os de FP Básica, podían saber cómo era unha festa nin unha velada musical aquí, no noso cole. De feito, para moita da nosa rapazada era a primeira vez que podían sentarse nas butacas para gozar dun espectáculo.

Pois finalmente, no día de Santa Icía, vestímonos de longo e  celebramos por todo o alto a festa da “patroa da música”, unha das celebracións máis especiais para todos nós.

Tedes que saber que este ano partíamos de moitas dificultades. Unha das máis importantes era que non quedaba no cole ningún músico dos que había antes da pandemia, o que significou que todos os  que subiron ao escenario tiveron que facer un gran esforzo, e adicarlle moito tempo e moitos ensaios, para poñerse a punto para esta velada. Temos que agradecerlles todos os recreos investidos, e todas esas merendas tomadas a correr para chegar a tempo ós ensaios. 

Os músicos que actuaron foron : Ainara Santórum (guitarra), Amós Martínez e Mencía Peiteado (batería e percusión), Nacho Torres (baixo), Valeria Jueguen (kalimba) e Paula Serto (teclado).

Naturalmente non faltaron o profe David (clarinete), Herme (teclado) e a sempre disposta profe Fátima acompañada de Matilde Gil (ukelele).

Aportaron as súas voces: Mariña Vieites, Angelina Fariña, Emma Vilas, Thomas Cuttano e Matilde Gil.

Abriron a velada, para romper o xeo e calmar os nervios de todos, os nosos profes de música,  David e Herme que interpretaron unha peza de Beethoven chamada “Minuetto”.

Seguindo coa música clásica continuou Paula Serto, alumna de 2º da ESO, que interpretou ó piano un dos “Estudos” de Carl Czerny.

E da música clásica pasouse á sorpresa cando Valeria Jueguen, tamén de 2º ESO, interpretou varias pezas na súa exótica Kalimba, un instrumento tradicional africano cun son tan máxico que non deixa a ninguén indiferente.

Chegou despois o turno da música contemporánea da man de Matilde Gil, compañeira de Paula e Valeria en 2º da ESO, que nos interpretou coa dozura da súa voz e acompañada do seu ukelele o tema “Party favor” de Billie Eilish.

Despois de Matilde volveron subir ó escenario os profes Herme, e David, acompañados por Paula para facer unha viaxe no tempo ata o festival de Eurovisión de 1969, interpretando con dous teclados e clarinete unha versión do tema “Boom Bang a Bang”

A música galega non podía quedar fora dunha velada coma esta así que as nosas xóvenes cantoras Mariña (2º ESO), Angelina e Emma (1º ESO) cantaron acompañadas por Herme ó teclado, a canción “O gato” escrita por Manuel Daponte e que xa forma parte do cancioneiro popular galego.

Na recta final da velada, chegou a hora das actuacións máis numerosas, nas que todos os nosos artistas  interpretaron versións de cancións con moito xeito. 

No escenario reuníronse detrás dos instrumentos: Ainara, Amós, Mencía, Fátima, Matilde, David e Herme e aportando as súas voces: Mariña, Angelina, Emma e Thomas. 

A banda ó completo interpretounos “Rosas” y “El último vals” de La Oreja de Van Gohg y “Eso que tú me das” de Jarabe de Palo.

E unha velada tan especial coma esta non podía rematar sen a sorpresa final! 

Sempre foi tradición neste cole recibir a visita de antigos alumnos e, agora que comezamos a dar pasiños que nos van achegando á vida normal, non queríamos desperdiciar a ocasión para invitar ao que sen dúbida é o noso exalumno-músico máis profesional: trátase de Eder González. 

Eder é de Tomiño, e actualmente é dono e xefe da Orquestra América, de Vigo. Ex-alumno do Cole e antigo discípulo de Herme, sabemos de boa tinta que botou horas e horas de ensaio co noso profe. 

Comezou a cantar e tocar aos 11 anos e actualmente é baixista, pero tamén que canta moi ben e pode tocar a guitarra, a batería e a trompeta…Interpretounos temas de Rulo, Andrés Suárez ou os piratas, e rematou coa petición dos alumnos de cantar “Soldadito marinero” de Fito y Fitipaldis, conseguindo que os alumnos cantasen dende as súas butacas. 

Eder conseguiu aplausos e cánticos por igual, e conseguiu algo que parecía imposible: que case esqueceramos o timbre do final das clases, porque con moito gusto quedariamos no teatro algunha hora máis. 

Sempre lle agradecemos a súa presenza, facendo un oco na súa vida laboral e musical, sabemos que sempre que lle facemos a invitación non dúbida en visitarnos. 

Grazas Eder, grazas Santa Icía, grazas aos profes organizadores, grazas a todo o alumnado participante músicos, cantoras, pipas e presentadores. Foi unha velada estupenda preludio das próximas que virán…

Grazas de verdade.

GRAZAS, de todo corazón.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *