Saída Cultural a Campo Lameiro

O pasado martes 19 de novembro o alumnado de 1º ESO do noso Centro realizou unha actividade moi distinta ás habituais clases na aula, relacionada coas materias de Educación Plástica e Visual e con Xeografía e Historia: foron de visita ao Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) de Campo Lameiro.

Ao chegar ao Parque presentáronos ao noso guía para esa xornada e comezamos a visita facendo un percorrido ao aire libre para ver in situ algúns dos petróglifos que forman parte do xacemento, aínda que antes de diso dimos unha pequena volta polo poboado que teñen reconstruído para explicarnos como era a forma de vida da xente na Idade do Bronce.

Unha vez explicada a forma de vida dos nosos antepasados dirixímonos a tres localizacións distintas para contemplar diversos petróglifos. O noso guía explicoulles diversas teorías científicas sobre a súa función dependendo da tipoloxía dos petróglifos (cérvidos, coviñas, labirintos…) e animados por el, o alumnado tamén compartiu posibles teorías sobre os mesmos.

Xa no interior do centro de interpretación, o alumnado realizou o obradoiro de “Arqueólog@s por un día” e mediante o cal, ademais de coñecer e aprender algunha das tarefas que fan os arqueólogos profesionais, adquiriron unha serie de coñecementos moi útiles tamén para a materia de Educación Plástica e Visual como o uso da técnica do frottage.

Despois do obradoiro, fixemos un breve percorrido pola exposición permanente do PAAR para afianzar algúns coñecementos máis da materia de Xeografía e Historia e co visionado dunha breve montaxe audiovisual con diferentes interpretacións sobre a función dos petróglifos.

Chegouse así ao fin da nosa saída cultural, pero antes de coller o bus de volta ao Centro o noso guía recoñeceu o bo traballo e a implicación do alumando ao longo da mañá e obsequiounos cun carnet de “expertos en petróglifos” o que lles permitirá entrar de forma gratuíta no PAAR ata os 16 anos.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *