
A pasada semana recibimos no noso cole unha visita moi especial, Don Fabio Attard, representante do Rector Maior D. Ángel Fernández Artime.
D. Fabio, que leva dende o 1 de outubro visitando as casas salesianas da nosa inspectoría, pasou en Castrelo tres xornadas, durante as que puido encontrarse con todas as persoas que formamos parte da comunidade educativo-pastoral do colexio. .
Na súa axenda reservou o xoves pola mañá para o máis importante de todos: compartir uns bos días moi especiais con toda a rapazada do colexio. No teatro, decorado cun arranxo floral realizado polo alumnado do CFGB de Agro e con carteis de benvida en varios idiomas realizados polo alumnado de tódolos niveis, puido contarnos algo máis da súa vida, a vida dun neno que sendo ben pequeno, sabía que quería ser sacerdote e axudar ós demais.
Don Fabio, que naceu en Malta, concretamente na illa de Gozo, estudou e fixo o noviciado en Irlanda, para ordenarse sacerdote en Roma anos despois. Debido a que o seu traballo levouno por varios lugares do mundo, D. Fabio fala varios idiomas: inglés, francés, italiano, alemán, castelán e incluso árabe, e bromeou con que agora tiña que aprender o galego.

Neste tempo, compartiu co alumnado moitas anécdotas que axudaron a comprender e reflexionar sobre as diferentes realidades que viven os rapaces e rapazas doutras partes do mundo, da sorte de poder recibir unha educación e atopar na escola un lugar seguro onde ter sempre alguén que nos escoite.


Ó final houbo tempo para algunhas preguntas: “que é o que máis che gusta do teu traballo?, por que che gusta axudar ós demais?, é difícil adaptarse ós idiomas dos países que visita?”. A todas elas respondeu D. Fabio e respondería a moitas máis pero o tempo pasou moi rápido e houbo que voltar para as clases, non sen antes facer unha foto de grupo nas escalinatas do pórtico.
