Non son descoñecidos para ninguén os beneficios da actividade física e do contacto coa natureza, polo que xa é tradición no noso centro estes últimos anos que o alumnado de 1º ESO desfrute da actividade complementaria da Ruta da Pedra e da Auga.
Esta ruta discorre ao longo do río Armenteira, e o máis característico do sendeiro son os muíños de pedra, que suman un total de trinta en todo o camiño que nos leva ata o Mosteiro de Santa María de Armenteira, no Concello de Meis (nesta ocasión non demos completado a ruta ata o mesmo, pero sen dúbida a rapazada quedou cun bo sabor de boca e gañas de volver coas súas familias noutra ocasión).
Ademais da práctica de sendeirismo e realizar un xogo de orientación a actividade permitiu a posta en valor dos espazos naturais e o patrimonio cultural da nosa contorna. Mostraron curiosidade pola flora e fauna que ían encontrando. Incluso algúns se atreveron a practicar inglés falando cos peregrinos que se ían cruzando polo camiño.
Pero o máis destacado foi a gran experiencia de convivencia entre todos e todas, esquecéndose por un día dos móbiles e das redes sociais.
Ata a vindeira aventura!