CAMPAÑA SOLIDARIA NO MES DE FEBREIRO

O pasado venres 17 de febreiro púxose fin á ultima campaña solidaria levada a cabo no noso Centro destinada a recadar fondos para a ONG Mans Unidas. Esta ONG comezou a súa historia polo ano 1959 e dende entón, tódolos anos fan unha campaña contra a fame. Ademais, grazas ao seu crecemento ao longo en todo este tempo, están involucrados en moitos proxectos distintos, máis alá de loitar contra a fame.

Dende fai moitos anos no Centro de Salesianos a Mercé organízase esta campaña en favor de Mans Unidas ao redor de dúas actividades moi populares entre o noso alumnado e as súas familias así como entre a comunidade salesiana: a “Operación caravel” e a “Operación bocata”.

O punto de partida do noso Centro para esta campaña solidaria foi ver o vídeo de presentación da campaña de Mans Unidas deste ano 2023 para concienciar á xente da necesidade de colaborar. O noso alumnado traballouno nunha titoría na aula para concienciarse da problemática. O vídeo en traballado foi o seguinte: https://www.youtube.com/watch?v=B9ReYhZaqs0

O seguinte paso da campaña celebrouse o pasado martes 14 de febreiro pois coincidindo co día de San Valentín, realizouse a “Operación Caravel” de “San Valentón”. Nela, o alumnado e o resto da comunidade puido mercar caraveis solidarios de distintas cores segundo o sentimento que cada un quixera expresar: o caravel branco co significado de saber ser un bo amigo ou amiga; o amarelo para pedir perdón ou para saber perdoar a alguén; por último o vermello e o seu significado de amor de verdade. Esta acción foi un éxito total pois lograron venderse máis de 400 caraveis.

Ademais, como novidade desta edición, contamos tamén co traballo feito polo alumnado de 2º de Agroxardinaría e Composicións florais con parte deses caraveis solidarios. A rapazada do ciclo mostrou as novas habilidades aprendidas ao longo deste curso no relativo ás creacións florais facendo distintos deseños de composicións.

Para rematar esta campaña solidaria, o venres 17 de febreiro, logo de ter desfrutado dunhas horas de entroido no Centro, celebrouse a “Operación bocata”. Como é habitual, a porcentaxe de participación por parte do alumnado foi altísimo (rondouse o 90%) e a esta cifra hai que engadir á toda a comunidade educativa e a bastantes familias que tamén quixeron aportar o seu gran de area para esta campaña.

A idea desta acción é que tanto o alumnado como o resto das persoas participantes poidan experimentar, aínda que sexa de forma simbólica, o que é “pasar fame” ao non contar cun xantar completo, facendo deste xeito un pouco máis visible a importancia desta campaña de Mans Unidas.

O resultado destas dúas accións foi moi positivo e demostrouse unha vez máis que a chamada á solidaridade sempre é escoitada no noso Centro.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *