Ditado á carreira. Copistas e persoas mensaxeiras.

Esta semana, os alumnos e as alumnas de 1ºESO, na materia de Lingua Galega e Literatura, realizaron unha actividade na que puideron repasar os contidos gramaticais traballados na aula dun xeito lúdico, co ditado “Copista e mensaxeiro/a”.

Estudosos como Cassany (2004), García Torralbo e da Torre García (2009), entre outros, destacaron a importancia deste tipo de ditado pola implicación directa que o alumnado ten no seu desenvolvemento. Este ditado realízase por parellas: unha persoa actúa como mensaxeira e a outra, de copista. 

O texto que tiñan que ditar colocouse nuns bancos, no Pórtico, aproveitando o bo tempo. As persoas mensaxeiras tiveron que percorrer o espazo que separaba ás persoas copistas dos textos para lelo, tentar memorizalo, volver ata os/as copistas que agardaban nos bancos e ditarlle o que podían lembrar do texto. Podían realizar tantas viaxes como foran necesarias ata que o texto fose totalmente copiado.

Tal e como Hernández Mercedes (2012) explica, «a actividade consiste en reconstruír o texto canto antes e co menor número de erros».

Este tipo de ditado é moi útil porque facilita o intercambio de roles durante a actividade de maneira natural: a persoa mensaxeira e a copista poden cambiar o seu papel, por exemplo, en cada frase, en cada parágrafo, etcétera, de maneira que traballen simultaneamente a comprensión, a expresión, a memorización e poñan en marcha todas as estratexias de aprendizaxe que teñen ao seu alcance: recursos mnemotécnicos, tradución, síntese, sinopse, etcétera. Cabe destacar, pois, o protagonismo do alumnado que se move, memoriza, dita, copia e corrixe, sen deixar de lado outros aspectos, como o traballo cooperativo, as estratexias de aprendizaxe ou a correcta dicción dos enunciados.

Unha actividade moi completa que repetiremos noutras ocasións para continuar aprendendo dun xeito lúdico ao mesmo tempo que saímos da aula e melloramos os vínculos cos compañeiros e compañeiras.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *