Coas mans na ciencia!

De todas é sabido que pronunciar a palabra “laboratorio” en clase de Ciencias, Bioloxía ou Física e Química ten o efecto inmediato de captar a atención do alumnado, e a programación de diferentes actividades nel van ter o éxito asegurado.

Nesta terceira avaliación, o alumnado de FPB de Agroxardinería, xusto antes de comezar a súa andaina na FCT experimentou coa elaboración de xabróns a partir de aceite de cociña usado. O primeiro paso foi buscar información e diferentes fórmulas e, unha vez escollida unha delas, poñela a proba laboratorio. Nesta actividade recordaron o nome dos materiais de laboratorio, decidiron os EPI’s necesarios e recordaron as normas de seguridade, tamén tiveron que manexar o material para medir os pesos e volumes dos ingredientes empregados.

O alumnado de 2º da ESO, na materia de Física e Química ven de visitar o laboratorio para observar a influencia de diferentes factores na velocidade dunha reacción química. Empregando materiais que todos temos na casa (vasos de plástico) e reactivos inofensivos (tabletas efervescentes de vitaminas e auga) puideron observar a influencia de factores como a temperatura, a cantidade de reactivos ou o estado físico dos reactivos, na velocidade dunha reacción química. Repartíronse os traballos dentro dos grupos, mediron, observaron, tomaron datos e interpretáronos para sacar as súas conclusións.

En primeiro da ESO, realizaron unha técnica sinxela de observación dos estomas, estruturas presentes nas follas a través das que a planta realiza o intercambio gaseoso, empregando nada máis e nada menos que…celo e laca de unllas transparente!

Primeiro, aproveitando unha visita ós nosos xardíns para observar diferentes tipos de flores e a súa estrutura, recolleron cadansúa folla de camelio á que, unha vez no laboratorio, lle aplicaron laca transparente e pacientemente (uns máis que outros) agardaron a que secara ben.

A continuación tocou “depilar” a folla con axuda do celo, retirando a capa de laca de unllas na que quedou impresa a superficie do envés da folla. Logo pegaron o celo nun porta obxectos e observaron ó microscopio.

Mirade que estomas tan chulos!!!

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *