Ludificación nas clases de Matemáticas.

A aplicación de técnicas ou dinámicas propias dos xogos a actividades ou contornas non recreativas axudan a potenciar e motivar a participación nas mesmas.

É por isto que ao longo do curso utilizamos a ludificación (gamificación) nas clases de Matemáticas da ESO, para favorecer que o alumnado afiance os contidos traballados na aula previamente dun xeito dinámico e cooperativo.

Durante o primeiro trimestre o alumnado de 1º ESO tivo a oportunidade de poñer en práctica diferentes xogos tradicionais, coma o “Pano numérico” relacionado  coas propiedades dos números, a “Carreira a relevos” para traballar as potencias e as raíces ou o “Bingo fraccionario” co que se asimilou de maneira eficaz a representación de fraccións.

Asemade, o bo clima destes últimos meses permitiunos traballar nos espazos exteriores en grande medida, realizando actividade física e desfrutando da natureza e das distintas instalacións do centro.

Incluso tivemos a oportunidade de sacar a escea os xices para converter o patio do cole nun taboleiro xigante!

Por outra parte, a rapazada de 2º ESO adentrouse no mundo das TIC coa súa participación en distintos Kahoot e minixogos en liña, relacionados principalmente co bloque de Álxebra traballado na materia.

Deixaron ben claro que son moi competitivos e expertos no mundo dos videoxogos!

E os veteranos do cole (4º ESO) participaron nun xogo de escape para rematar o primeiro trimestre, no que dispoñían de 45 minutos para resolver unha serie de enigmas matemáticos que impediran que unha bomba estoupara no laboratorio.

Traballando en equipo de maneira colaborativa lográrono practicamente no tempo de desconto, a falta de dous minutos para o fatal desenlace… fixéronnos sufrir, pero non nos esperabamos menos deles!

Que nos deparará este segundo trimestre? Sen dúbida, arrancámolo con ilusión!

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *