O alumnado de 2º da FP básica de Agroxardinería e composicións florais estivo a realizar estes días actividades relacionadas co Nadal.
O alumnado estivo recollendo material vexetal que, posteriomente, enxugou mediante diferentes procesos de secado; logo empregouno para facer as distintas montaxes de Nadal como os tarros de cristal, os centros de mesa, as coroas para as portas, os centros de velas…. Tamén empregaron material reciclado para crear estes elementos decorativos.
Traballaron duramente durante días para crear os seus deseños e despois poñelos en práctica (non é o mesmo imaxinar que logo facer, claro está!) pero o esforzo pagou a pena.
O alumnado fixo unha exposición de coroas de Nadal nas portas das aulas. As coroas estaban feitas principalmente cunha base de vimbios, recordándolle así a importancia que tivo esta planta na súa época, sobre todo na nosa zona, tamén con piñas, tuia, acivro, piñas e follas de magnolio, froitos de camelias, froito de liquidambar…
O alumnado tamén preparou pequenos centros de mesa feitos con material vexetal como cortiza de piñeiro, tuia, folla de camelia, piñas, bugallos, landras, buganvilla, troncos de madeira, abeto,…
E, claro está, este fermoso material creado polo alumnado foi exposto e posto á venda por eles mesmos na entrada do centro. A finalidade era mellorar as técnicas de presentación e venda no alumnado.
Aquí tedes o traballo final que presentaron e algúns dos seus compradores
E, como non! Aquí algúns dos alumnos e alumnas practicando as técnicas de venda co pouco material que quedou ao final do día! Creo que van ter que repasar algo as matemáticas, porque iso de contar non se lles dá moi ben… eles xa saben a que me refiro, jeje.
Velaquí os traballos realizados polo alumnado colocados nos fogares das persoas que forman esta gran familia!
Grazas a todos e todas por colaborar, sen vos isto non sería posible.