“Por san Martiño faise o magosto con castañas asadas e mosto”, di o refraneiro galego.
O pasado luns celebrouse no colexio o magosto coas tradicionais castañas asadas, que puideron ser degustadas mentres os xogos populares cobraban vida grazas á coordinación do alumnado de 2ºESO.
A música tradicional tamén estivo presente grazas aos “pipas” que, coa súa escolla das pezas musicais máis representativas da mesma, conseguiron conectarnos coa enxebreza e co latexo propio da nosa terra.
Os nosos costumes forman parte de nós, constitúen a nosa identidade e singularidade como pobo, por iso cremos que deben formar parte tamén das vivencias da nosa rapazada no colexio. O alumnado de 2ºESO traballou os xogos tradicionais na materia de EF e na festa do magosto ensinaron ao resto do alumnado a xogar á buxaina, á corda, á mariola, á petanca…
A fría tarde de outono foi un pouco menos fría grazas ás castañas asadas que puidemos degustar e que serviron para repoñer forzas antes de tirar da corda, demostrando que moitas veces vale máis maña que forza.
O magosto é unha festa de orixe pagá relacionada coas castañas e que, ao cristianizarse, tamén se empezou a relacionar cos santos e os defuntos, por iso é polo que se celebra principalmente nas datas próximas ao día 1 de novembro. Ten elementos dos rituais celtas como son o lume e a coincidencia coa fin do verán.
Tamén, segundo crenzas antigas, a castaña era como un símbolo de ánima dos defuntos, na que cada castaña era considerada unha alma liberada do purgatorio. Ao finalizar a festa, as almas viñan quentarse ás brasas das fogueiras, por iso se recomendaba deixar castañas para as ánimas.
Desfrutamos dunha xornada de convivencia amosando paixón polas nosas tradicións.