Primeira visita ao laboratorio do alumnado de 3ºA.

A actividade científica é o primeiro dos bloques da materia de Física e Química do currículo da ESO e non só é común a todos os cursos onde está materia se cursa, senón tamén a otras ciencias experimentais como a bioloxía e a xeoloxía.

Durante as primeiras sesións do curso o alumnado traballou coas ferramentas que os científicos teñen á súa disposición para que a ciencia sexa unha disciplina obxectiva e útil para a totalidade da humanidade, non involucrando así creencias personais ou intereses individuais.

Logo de semanas traballando a diferencia entre as magnitudes e unidades, da importancia que ten o uso das unidades do sistema internacional para evitar confusión entre países e culturas con medidas propias, e de coñecer a notación científica e os tan odiados factores de conversión, por fin chegamos ao camiño que todo científico debe utilizar para chegar a calquera conclusión en calquera estudo que se realice: o método científico.

O método científico é a máis importante desas ferramentas, da que nunca nos podemos esquecer nin infravalorar. O alumnado tomou conciencia de que se a ciencia segue sendo ciencia é grazas a este método e a que os científicos seguen rigorosamente cada un dos pasos que se marcan, buscando información sobre un problema surxido, formulando hipóteses (posibles solucións do problema inicial) e comprobándoas mediante experimentación para así poder chegar a uns resultados que, unha vez analizados nos permitan sacar unhas conclusións para divulgalas na comunidade científica.

A experimentación é sempre a parte onde o alumnado máis motivado se sente, por iso, esta semana a clase de Física e Química de 3ºA foi realizada no laboratorio.

Nesta sesión o alumnado puido manipular diferentes materiais cos que traballaremos ao longo do curso en diferentes actividades prácticas. Probetas, vasos de precipitados e Erlenmeyers entre outros, son materiais de vidro que deberán saber utilizar como se dun lápis de tratase, xa que formará parte do día a día do traballo experimental.

Unha das reflexión finais desta sesión foi que, en poucos anos, a ciencia avanzou moito grazas á xente que para ela traballa, pero tamén grazas á evolución na precisión dos utensilios que se utilizan no laboratorio. Un exemplo diso foi a balanza analóxica que os alumnos e alumnas utilizaron para pesar un simple bolígrafo. Necesitaron moito máis tempo que se dunha balanza dixital se tratase.

Todos eles son uns científicos en potencia, son o futuro dun importante motor que move o mundo, axudémoslles a que sexan eles os que nos permitan mellorar e avanzar, a experimentar como bos científicos, pero recordando e utilizando sempre todos e cada un dos pasos do método.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *