Percorrido virtual polo noso centro.

Nestes tempos que estamos, que os centros educativos permanezan abertos, funcionando case con total normalidade, é unha táboa de salvación neste océano que nos rodea a todos e onde semella que non atopamos a beira que nos outorgue un respiro para recuperar folgos.

Que os centros educativos permanezan abertos é posible grazas ao esforzo de todos e cada un dos membros que forman parte da comunidade educativa. Foron moitas as dúbidas que nos invadiron antes de comezar o curso; tivemos que reorganizarnos, adaptarnos, reinventarnos pero, sobre todo e ante todo, priorizamos o coidado persoal e o dos demais. O coidado das persoas, de todos e cada un de nós comeza por favorecer entornos seguros, tanto no coidado da saúde física como da mental. Favorecer a estabilidade emocional do profesorado e do alumnado é a nosa máxima prioridade, sempre o foi, pero nestes tempos convértese no alicerce que sostén calquera outra aprendizaxe curricular. 

A formación e actualización continua do noso persoal docente e os programas de innovación educativa nos que estamos inmersos tamén contribúen a poder ofrecer ao noso alumnado unha formación integral, no eido persoal e no educativo. Cando hai máis dun ano nos confinaron e tivemos que impartir as clases de forma telemática, non pensabamos que esta situación se ía ter que repetir durante este curso nin que sería un instrumento educativo que xa formaría parte das nosas paisaxes nas aulas. Cada rapaz ou rapaza que se ten que quedar na casa, ben por estar contaxiado, ben por ser contacto directo dun positivo, pode seguir o desenvolvemento das clases dende a casa, a través de vídeoconferencias. Deste xeito poden continuar o seu proceso formativo, pero tamén é a mellor maneira de permanecer en contacto co seu grupo de compañeiros e compañeiras, para sentirse acompañados en todo momento. Non só impartimos clase telematicamente ao alumnado, seguindo o pautado no protocolo Covid, senón tamén aos que por algún motivo médico teñen que permanecer na casa durante un período determinado, porque a nosa prioridade é que os nosos rapaces e rapazas poidan seguir aprendendo, coidando o sentimento de pertenza ao grupo, participando virtualmente nas clases que os seus compañeiros e compañeiras reciben de forma presencial.

Unha das decisións máis complicadas que tivemos que tomar é a do distanciamento social, a separación do alumnado por clases cando non estiveran nas aulas, para manter agrupamentos estables e controlados no caso de producirse abrochos do virus. Implementamos o número de quendas de garda do profesorado para que tódolos grupos puideran seguir desfrutando dos amplos espazos de recreo cos que contamos, porque é fundamental para manternos sans respirar aire fresco, poder xogar, poder compartir tempos de lecer no exterior.

Algo novo está a agromar é o lema deste curso, do que damos boa conta con tódalas novas experiencias, aprendizaxes e proxectos que comezamos neste ano tan atípico. O enxeño tamén se agudiza en tempos cambiantes e, como non é posible recibir no noso colexio, na nosa casa, a todos os que queiran coñecernos un pouco máis, abrimos unha nova xanela dende a que se poden percorrer tódolos espazos que conforman o centro dende calquera lugar e a través de calquera dispositivo: as aulas, os patios, os xardíns, o pavillón, os talleres, a granxa-escola e as hortas. Agardamos que desfruten co percorrido virtual e desexamos que pronto poidamos coñecernos en persoa. 

Velaquí está a ligazón ao percorrido virtual polo centro: O noso colexio – Tour virtual

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *