A RESILIENCIA continúa nas aulas do CPR Salesianos A Mercé

Analizando as noticias que ían chegando a semana pasada sobre a expansión do Covid-19 e prevendo unha posible suspensión temporal da actividade lectiva, o noso centro decidiu poñer en marcha unha ferramenta máis do G-Suite que implantaramos xa ao longo deste curso, trátase de Google Classroom.

Deste xeito, o noso alumnado foi aprendendo a traballar neste soporte educativo, cos Chromebooks, que xa forman parte da paisaxe nas nosas aulas.

Desde o luns 16 de marzo, o alumnado está en contacto co profesorado e cos seus titores e titoras. Deles reciben tarefas, actividades, aprenden a través de xogos, comparten documentos, noticias, explicacións, resolución de dúbidas, incluso o profesor de EF propón ao alumnado actividades que poden realizar na casa para manterse activos fisicamente. O principal obxectivo é continuar, na medida do posible, o ritmo académico do curso, sempre tendo moi presente a realidade das nosas familias, pois non todo o alumnado está en condicións de recibir clases online.

Non só empregamos dita ferramenta para desenvolver actividades académicas, tamén a empregamos para manternos próximos ao alumnado nestes tempos de illamento. Nesta comunicación online, os rapaces e as rapazas estannos a trasmitir como se sinten,  dámonos conta de que falar cos seus profesores e profesoras é un xeito para eles de voltaren ao cotiá, de sentir que certa rutina se pode manter aínda que sexa a distancia. 

Reforzando a consigna de #euquedonacasa, entre todos e todas debemos conseguir que o contacto virtual nos faga sentir preto uns dos outros e nos permita continuar dalgún xeito próximos no proceso educativo do alumnado.

É unha sorte para nós ter traballado o proxecto Resiliencias, é un proxecto educativo interdisciplinar que estamos levando a cabo no centro durante este curso, con el o alumnado xa aprendeu a crer nas súas posibilidades, a mellorar día a día, a adaptarse ás circunstancias, a medrar como persoas, en definitiva, é un proxecto para traballar as fortalezas individuais, por iso mantemos ese espírito resiliente afrontando con optimismo e unidade esta situación. Resiliencia é a clave para superar esta situación, é o que precisa a nosa sociedade, o que precisamos todos e cada un de nós.

1 comentario en “A RESILIENCIA continúa nas aulas do CPR Salesianos A Mercé”

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *