Unha raiola de Sol para GaliciAME

O 11 de novembro, a pesar de que tódalas previsións auguraban unha mañá invernal de chuvia, o tempo deunos unha tregua que nos permitiu alzar o voo acompañados de tódolos centros de Cambados por unha nobre causa, recadar fondos para GaliciAME.

Acubillada no Proxecto Resiliencias, a Carreira Solidaria en favor de GaliciAME comezou a coller forma aló polo mes de xuño do curso pasado. Aquela idea foi agromando ata converterse nun exitoso acontecemento no que centos de rapaces e rapazas de tódolos colexios e institutos, acompañados polos seus profesores e profesoras, levados da man dos voluntarios e axudantes do noso colexio, acadaron a meta da solidariedade, ao chegar á Praza de Fefiñáns atopándose co marabilloso sorriso de Merchi.

A mañá presentouse fría e os nosos músculos precisaban dun pouco de movemento antes de comezar a correr. Cando tódolos colexios e institutos convocados se atopaban diante do maxestuoso Pazo de Montesacro, en San Tomé, a música sincronizou os latexos dos nosos corazóns e a rapazada bailou da man de Gaudis a ritmo de zumba. Mesturámonos todos danzando pola solidariedade e os sorrisos xa permanecerían esculpidos nos nosos rostros durante toda a xornada.

Ben chegado era o momento de poñer en marcha os dorsais na carreira por e para Merchi, por e para a investigación da AME. Buliron os máis pequenos para inaugurar a primeira quenda de moitas, ata chegar á rolda dos máis veteranos. O noso ilustre e agarimoso invitado de honor, Pedro Nimo, fixo voar pola senda da solidariedade na que se convertiu o Paseo de Cambados a Merchi, o noso motor, e volveu desandando o camiño percorrido a tempo de correr coa categoría que sairía en derradeiro lugar, a dos Cadetes-Junior e Senior.

A mocidade de Cambados, máis soñadora que nunca, percorreu con ilusión as rúas do pobo alentada polos voluntarios que ían marcando o camiño e polas xentes que con curiosidade e emoción se achegaban animando aos participantes.

As emocións abrollaron ao observar centos de rapaces e rapazas aos pés do Pazo de Fefiñáns coa satisfacción do deber cumprido. Era o momento de recuperar forzas cunhas pezas de froita e uns grolos de auga que nos deron o alento necesario para emprender o camiño ata o Pavillón do Pombal.

Ao abeiro do Pavillón, cadaquén ocupou o seu lugar, sempre guiados polas voluntarias que portaban os carteis identificativos. Agardábanos unha nova experiencia que poría o alfinete de ouro nos nosos corazóns. Pedro Nimo alentounos a procurar sempre unha saída, a remontar despois de cada caída, de cada dificultade, porque el mesmo o experimentou xa que acadou o éxito logo dalgunha lesión importante e varios tropezos vitais. Merchi foi luz para todos nós, exemplo de resiliencia, de xenerosidade, ensinounos que era posible unir a tódolos centros de Cambados por un obxectivo común, desta volta, axudar á investigación da AME.

E antes de rematar, da man de Pedro Nimo e dunha resolta voluntaria, repartíronse unha morea de agasallos entre os participantes, que facían felices tanto aos que os recibían como aos que os acompañaban e, por suposto, aos que llelos entregaban.

Amosamos o máis fondo agradecemento a todos e cada un dos que fixeron posible esta Carreira Solidaria, non queremos deixar a ninguén atrás pero tampouco podemos deixar de agradecerlles en especial a Merchi Álvarez, a Pedro Nimo, ao CEIP de Castrelo, ao CEIP Enrique Barreiro, ao CEP Antonio Magariños, ao CEIP San Tomé, ao IES Francisco Asorey, ao IES Ramón Cabanillas, ao Concello de Cambados (especialmente a Fátima e a Tonia), á Deputación, a tódolos comercios colaboradores e a todos os membros da comunidade educativa do CPR Salesianos A Mercé, sen o seu esforzo e a súa dedicación, nada disto sería posible.

Cando regresabamos aos nosos fogares e aos nosos coles, as nubes peneiraban as raiolas de Sol para agradecernos a todos a Carreira Solidaria a favor de GaliciAME.

2 comentarios en “Unha raiola de Sol para GaliciAME”

  1. Ha sido una actividad maravillosa, en primer lugar por ser capaz
    de implicar a los centros de Cambados a hacer algo juntos y además con un fin solidario de ayudar a Merchi, ejemplo de superación y de estar siempre con una cara de felicidad a pesar de todos los obstáculos que, día a día, tiene que solventar.
    Continuad con ilusión con el proyecto en el que os habeis implicado, seguro que a lo largo del camino, vais a tener escollos que atravezar pero la meta, será una satisfacción.
    Ánimo

  2. Pingback: Noviembre 2019: Como nos han enseñado - Galiciame

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *