Rematamos hoxe o fantástico curso de fotografía que impartiu aos rapaces e rapazas de 3ºESO, Alberto Rodríguez. Este antigo alumno do cole, amigo personal de Merchi e fotógrafo oficial de Galiciame, soubo captar a nosa atención ao longo de dúas incribles sesións de traballo onde non só nos ensinou técnica e composición fotográfica, senon que nos amosou a súa inmensa capacidade de superación, a súa particular resiliencia fronte á adversidade, a súa xenerosidade e profesionalidade.
Primeiro, unha boa explicación teórica. Alberto compartiu os seus profundos coñecementos sobre tódolos parámetros da cámara cos que podemos xogar para realizarmos a nosa fotografía perfecta. Diafragma, obturación, sensibilidade lumínica; baixo a atenta mirada dos alumnos e, como non, de Merchi, destripamos tódolos segredos das nosas cámaras e móbiles.
Os rapaces e rapazas de 3ºA gozaron dun día marabillosamente soleado para facer o traballo de campo. Claro está que os nosos xardíns foron o escenario perfecto para obter as mellores instantáneas. Fixádevos ben nas probas fotográficas que fixeron das figuras en movemento. Uns artistas!
Agora que os de 3ºB non quedaron atrás. A pesar das malas condicións do tempo, souberon sacar partido da choiva e de tódolos recursos estilísticos que lles ofrecía a auga; luz tenue, pouco contrastada, reflexos, gotas de chuvia, humidade. . . Observade ben como se sacrifica un verdadeiro fotógrafo para obter a mellor toma. Se é que están feitos uns profesionais.
E para a memoria quedarán as imaxes da entrevista que lle fixeron a Alberto os alumnos de 3ºB e o momento do agasallo entregado por Pacheco no teatro, intres antes de que Alberto asinase no muro dos heroes de Resiliencias.