Un ano máis, e xa van 3, o alumnado de 4ºB da ESO realizou unha batida de limpeza polas marxes do río Umia, en Cambados. Nesta ocasión tamén participaron na actividade as alumnas e os alumnos da Formación Profesional Básica de Agroxardinería e composicións florais.
Na senda fluvial puideron desfrutar da natureza, ó mesmo tempo que se concienciaron do impacto que o ser humano ocasiona nela.
Os obxectivos da actividade complementaria foron os seguintes:
- Afondar nos contidos da materia de Ciencias Aplicadas referentes á contaminación hidrográfica.
- Poñer en valor a reutilización e a reciclaxe de materiais.
- Incentivar a curiosidade polo patrimonio natural de Galicia, achegándonos a unha zona protexida como é a desembocadura do río Umia, que pertence ao complexo Ons-O Grove.
- Asentar as dinámicas de traballo en equipo, reforzando a responsabilidade persoal e as habilidades sociais.
- Desfrutar dunha xornada de convivencia cos compañeiros/as de curso.
Posteriormente, o alumnado realizou un traballo sobre a contaminación do río creando unha tartaruga cos obxectos que máis lles chamaron a atención e tamén cos máis abundantes que atoparon.
O respecto pola natureza é algo que estes rapaces e rapazas defenden e que tamén demostran despois de ter recollidas máis de 30 bolsas de lixo que depositaron no colector correspondente.