Mulleres salgadas

Na semana na que conmemoramos o Día internacional da muller, o departamento de orientación preparou unha actividade do máis interesante: invitou a tres mulleres mariscadoras de tres xeracións diferentes para que compartiran coa nosa rapazada a súa experiencia de vida.

Nunha mesa decorada grazas ó alumnado do CFGB de Agroxardiñeiría, que coa axuda da profe Esperanza prepararon a carteleira e os arreglos florais, estas loitadoras mantiveron á rapazada enganchada ás súas historias, e fixeron que a sesión de 50 minutos se quedara curta.

Victoria contounos como, sendo moi nena, tivo que deixar a escola para acompañar á súa nai á seca a mariscar, cos pes descalzos e sen máis abrigo que a roupa que levaba. Naqueles tempos moitas nenas tiñan que deixar a escola para comezar a aportar algúns cartiños á economía familiar. Ela adicou a vida enteira ó oficio do mar, e formou parte do primeiro grupo de mulleres que se asociaron para xestionar e regular un oficio que hoxe está totalmente profesionalizado. Contounos que ela e as súas compañeiras tiveron que soportar os comentarios despectivos dos homes que se adicaban ó mar e que non acababan de aceptar que as mulleres entraran nun terreo tradicionalmente masculino. Destacamos dela o amor que ten polo seu oficio e sobre todo por ese mar que nos dá de comer, e sobre o mar deixounos unha mensaxe moi clara: debemos coidalo para que siga sendo unha fonte de traballo e de riqueza para a nosa comarca.

Victoria contaxiou do seu amor por esta vida á súa filla Melisa, que tamén nos contou a súa experiencia e como, despois de exercer varios oficios, seguiu os pasos da súa nai. Melisa tivo oportunidades que a súa nai non tivo, pois ela si puido estudar, e formouse en acuicultura, o que lle foi de grande axuda para adicarse ó cultivo das diferentes especies de moluscos da praia. Tamén nos amosou algunhas das ferramentas que empregaban no seu día a día, das que moitas eran inventos relativamente modernos mentres que outras, coma o raño ou o angazo, apenas cambiaron dende a Idade Media.

E para pechar a actividade puidemos escoitar a María, ex-alumna do noso colexio e que tamén escolleu adicarse a este oficio. María disfruta tanto do seu traballo que comezou grabando pequenos vídeos para compartilos cos seus amigos. Nestes vídeos amosaba o día a día das mariscadoras, e gustaban tanto que a animaron a facerse influente co que dende entón podemos atopala en varias redes como mariscadora 2.0, e podemos aprender de primeira man como é gañarse a vida a pé de praia.

O testemuño destas tres mulleres deixounos claro a valentía, a forza e a resiliencia das que non se quedan paradas, das que buscan o seu camiño e loitan por conseguir os seus soños contra vento e marea. Quedámonos co seu sorriso e o seu amor por este duro oficio.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *