SAÍDA CULTURAL

Logo de varios anos sen poder realizar a nosa tradicional visita ao Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR) por fin este curso puidemos acercarnos a este marabilloso lugar no que se combinan historia, patrimonio e natureza de forma singular.

Este curso ademais, produciuse unha novidade importante na nosa visita pois ao alumnado de 1ºESO uníronse os dous grupos de 1º dos nosos Ciclos Formativos de Grao Básico, tanto de Peiteado e Estética como de Agroxardinaría e Composicións Florais. O alumnado da ESO aproveitou para traballar parte do temario da materia de Xeografía e Historia, mentres que o alumnado dos CFGB traballou parte do temario do ámbito de Ciencias Sociais que forma parte do módulo de Comunicación e Sociedade I.

A nosa visita dividiuse en dous momentos ben diferenciados: ao chegar ao PAAR fomos recibidos polas persoas responsables e alí fixéronse dous grupos para as visitas debido ao elevado número de alumnado que compuña a nosa saída. A primeira parte consistiu nunha visita guiada por parte dos expertos do Parque polos distintos ambientes que compoñen o recinto como a visita á reconstrucción dunha aldea da idade do bronce ou a visita a distintos petróglifos para explicar as distintas técnicas, figuras e interpretacións que sobre eles hai.

A segunda parte da xornada, logo do merecido descanso de media mañá para repoñer forzas, consistiu en realizar un dos obradoiros do programa didáctico do Parque: “A xincana do bronce”. Para realizar esta actividade o alumnado tivo que repartise en pequenos grupos e logo contestar unha serie de preguntas que se lles plantexaban e para as cales recibían unha serie de pistas situadas ao longo dos distintos lugares destacados que compoñen o percorrido principal e que previamente xa realizaran na visita guiada. O obxectivo desta actividade non era outro que consolidar e profundizar o coñecemento do ambiente e o contexto natural que da sentido a todos os gravados que coñeceron ao longo dese día, ademais por suposto de pasar un bo rato cos compañeiros nun ambiente diferente ao do Centro.

Logo diso, non houbo tempo para máis e emprendemos a volta coa satisfacción de ter pasado unha boa xornada.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *