CONVIVENCIAS CRISTIÁS 1º ESO

O luns 02 de outubro o alumnado de 1º ESO gozou dunha xornada de convivencia realizando a ruta da Pedra e da Auga.

Esta convivencia é unha actividade complementaria da materia de Educación Física. Os obxectivos e contidos a traballar eran a práctica de sendeirismo, coñecemento da sinalización de sendeiros, interpretación dun mapa e xogo de orientación, respecto polo medio ambiente e convivencia entre compañeiros e compañeiras.

O noso alumnado deuse conta asiña da sinalización do sendeiro. É un sendeiro de curto percorrido polo que as sinais que aparecen son dúas bandas horizontais, brancas e amarelas. Se fose de longo percorrido serían brancas e vermellas.

Esas dúas bandas horizontais nos recordan que imos polo camiño correcto. Pero se aparecen verticais e cunha desviación cara un lado nos informan da dirección que hai que coller (esquerda ou dereita).

No caso da imaxe de arriba indícanos que teremos que ir esquerda.

E hai unha terceira sinal que nos avisa de camiño incorrecto polo cal se imos nos desviaremos do sendeiro sinalizado. Trátase das dúas bandas cruzadas en aspas.

A ruta da Pedra e da Auga coincide cun tramo da Variante Espiritual do Camiño de Santiago, que vai dende Pontevedra ata Vilanova de Arousa (onde continúa ata Padrón en catamarán). Abaixo vemos a sinalización.

Tamén, ó longo do sendeiro, podemos ver outro tipo de sinalización que é para rutas BTT (bicicleta de montaña).

A nosa rapazada de 1ºESO chegou ata a área recreativa dos Muiños de Meis e a Aldea Labrega. Alí realizaron un xogo de orientación. Tiveron ao seu servicio un mapa do lugar feito a man polo profesor.

Ó principio custoulles bastante interpretalo, pero despois de explicarlle como se tiñan que orientar respecto ó sol e colocar ben o mapa, pouco a pouco foron quenes de manexalo ben e entender para que serve a lenda do mapa.

Tiveron que encontrar ata doce postas repartidas pola contorna. En cada unha delas tiñan que anotar unha clave e tiñan pistas para encontrar a seguinte posta. Todos e todas foron capaces de compretar o xogo.

Posteriormente foi o momento do xantar e recuperar os folgos.

En ningún momento se acordaron do móbil e dos videoxogos. Improvisaron xogos e ata xogaron ás agachadas aproveitando a contorna natural.

Pola tarde tocaba voltar ó colexio. Algún ía con molestias nas pernas, outros estaban cansos, pero ahí apareceu o espíritu de solidariedade dando ánimos e levando as mochilas os máis perxudicados polo esforzo.

Ó chegar ó colexio, a aplicación do profesor indicaba 15 km percorridos. Algúns e algunhas seguro que fixeran bastantes máis ó longo de toda a xornada. A continuación pódese ver o percorrido feito.

Para rematar fíxose, xa dentro das instalacións do centro, unha práctica de interioridade, onde ademáis de relaxarse puideron recordar e valorar os lazos de amizade afianzados no día de hoxe.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *