“Por San Martiño faise o Magosto con castañas asadas e viño ou mosto” di o refrán.
O San Martiño é o 11 de novembro pero no noso colexio celebramos o Magosto a semana pasada para facelo coincidir coa celebración do Samaín.
Non tivemos nin viño nin mosto pero sí castañas e xogos populares.
O alumnado de 2ºESO e 1ºESO en semanas anteriores antes fixeran un pequeno traballo de investigación. Tiveran que recoller información de xogos populares pero sen recurrir ás novas tecnoloxías. Básicamente o traballo consisteu en preguntar ós seus pais, avós e persoas maiores da súa contorna a que xogaban de pequenos. Posteriormente tiveron que expoñer en clase ós seus compañeiros e compañeiras a información dos xogos.
Durante dúas sesións de Educación Física estiveron a xogar a eses xogos populares.
Na celebración do Magosto-Samaín o alumnado de 2º e 1ºESO organizaron os diferentes xogos. Os dos seus traballos de búsqueda de información e os tradicionais do noso cole. Algúns deste xogos non se puideron facer por mor da choiva, pero os ofertados foron suficientes para que o resto do alumnado desfrutasen dunha xornada de xogo e convivencia.
Comezamos co tradicional xogo de pescar botellas.
Este xogo convirteuse nun xogo tradicional do noso centro. Un antiguo salesiano, Don Paco, xa fai máis dun cuarto de século, creara o material necesario para xogar. As canas seguen a ser as canas de Don Paco.
Tamén o “xogo do paiaso” foi de creación de Don Paco.
As bolas feitas con calcetíns seguen a ser as mesmas que fai máis de 25 anos.
Por mor da choiva houbo que improvisar con colchonetas unha pista pàra xogar á petanca.
Seguimos co xogo da mariola.
O xogo do aro é un dos grandes descoñecidos por parte da rapazada. As varas e os aros foron feitos fai moitos anos por un ferreiro, pai dunha antiga alumna.
No xogo dos zancos, os máis habilidosos mostraron a súa destreza e equilibrio. Como podemos ver, os xogos non entenden de idades e os máis maiores desfrutan con eles.
Nunca falta o xogo de salto á corda. Este ano quen máis aguantou foi unha rapaza de 1ºESO con cerca de 50 saltos.
Organizáronse tamén carreiras de sacos. Algúns profesores e profesoras, a pesar de amosar dominio do salto a pes xuntos, non foron quen de gañar a algúns rapaces.
Posiblemente un dos xogos que máis aceptación ten por parte dos rapaces é o brilé.
E como remate realizouse a tradicional competición entre clases de tiro á corda. Se en anos anteriores había que animar a participar nalgunhas clases, este ano a participación foi máxima, tanto que a corda dixo basta xa e rompeu.
Os xogos populares, un “clásico” no noso cole.