75 anos sendo familia

O vindeiro 5 de novembro o noso centro cumpre nada máis e nada menos que 75 anos desde que, en 1947, o antigo Pazo Serantellos se convertera nun colexio de apenas 50 alumnos.

Co paso dos anos, o noso colexio, que comezou sendo un centro no que se acollía aos internos aspirantes a salesianos continuou evolucionando e adaptándose aos diferentes cambios lexislativos que o levaron a obter o recoñecemento oficial do Bacharelato Elemental no curso 1969-70, momento no que se comezaron a admitir alumnos externos. Ao longo destes anos, formáronse no noso centro rapaces non só da contorna, senón tamén doutros lugares de Galicia e doutras comunidades autónomas.

Será no curso 1997-98 cando se implanta a ESO e, por primeira vez, se admiten alumnas no centro. Con este cambio fundamental, iniciouse unha nova etapa na que tamén comezaron a traballar no centro profesoras, pois ata daquela só impartían docencia profesores, tanto salesianos como seglares. No curso 2016-17 asumiu a dirección unha muller por vez primeira nos centros salesianos de Galicia, ademais de ser a única directora entre os 36 centros salesianos da Inspectoría de Santiago el Mayor durante 5 anos.

O devir dos tempos fixo que no curso 2020-21 o centro volvera ás súas orixes, cando se implementou o ciclo de formativo de grao básico de Agroxardinaría e Composicións Florais, feito que enchería de orgullo e satisfacción a Don Manuel del Valle. E xa máis recentemente, no curso 2021-22, completouse a oferta formativa do centro co CFGB de Peiteado e Estética.

Un dos segredos da lonxevidade do noso centro é a súa capacidade de adaptación, sempre da man do marco educativo da escola salesiana que sostén os procesos de actualización aos que nos estamos sometendo continuamente e cun horizonte de futuro no que o obxectivo fundamental sempre seguirá sendo a formación integral do noso alumnado, o acompañamento e o sentimento de familia.

Datos e contexto histórico: Ildefonso García Nebreda.

1 comentario en “75 anos sendo familia”

  1. É unha satisfacción moi grande ver o desenvolvemento do labor salesiano ao longo de tantos anos, facendo un labor de formación de tantos mozos e mozas non só no relativo aos contidos educativos senón tamén na súa formación como persoas.
    Moitos parabéns por este labor e o desexo de que siga por moitos anos máis.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *