O coidado propio e da nosa comunidade educativa é unha prioridade no noso centro, por iso decidimos realizar unha formación sobre primeiros auxilios. As técnicas aprendidas apórtannos seguridade e favorecen a prevención de situacións de risco, tanto para nós como para toda a comunidade educativa da que formamos parte.
As doutoras Helena Abadín e Alba Pons acudiron ao noso centro para impartir ao profesorado unha formación moi interesante e práctica sobre as diferentes situacións de emerxencia sanitaria que se poden dar no ámbito educativo. A formación combinou o desenvolvemento teórico de certas patoloxías ou situacións de emerxencia (hipoglucemias, síncopes, epilepsia, atragoamentos, ansiedade ou feridas), ensinándonos a detectalas e a intervir en cada unha delas con seguridade e eficiencia.
Practicamos a realización da RCP (reanimación cardiorrespiratoria) e os diferentes procedementos asociados á mesma. O coñecemento desta técnica pode salvar vidas no caso dunha parada cardiorrespiratoria. Mediante un xogo de roles tivemos que demostrar que podiamos xestionar unha situación de emerxencia seguindo as indicacións das doutoras encargadas da formación.
Agradecemos ás doutoras o seu labor de difusión dos seus coñecementos que nos van axudar a xestionar de xeito máis seguro e eficaz o coidado de toda a comunidade educativa.