GRADUACIÓN 4º da ESO, 2020-2021

Conseguímolo!!! Dende un primeiro momento foi a nosa ilusión, a meta máis desexada e fomos quen de realizala.

O día 22 de Xuño celebramos no cole a ansiadísima graduación dos alumnos de 4º da ESO.

A pandemia Covid, co seu distanciamento social, a súa extrema hixiene e as súas normas, non nos impediu celebrar un acto tan especial e tradicional no noso cole. O noso fantástico patio serviunos de sala de butacas para manter a distancia obrigada e as escaleiras do pórtico convertéronse nun elegantísimo escenario ao aire libre. Ata o xel hidroalcohólico tivo un lugar de honra na nosa alfombra vermella.

Iniciamos a graduación cun descenso espectacular pola alfombra vermella, o corredor de profesores e os seus aplausos deron a benvida aos flamantes graduados.

Vestímonos de gala, porque a ocasión o merecía e a pesar de que a máscara ocultaba o noso sorriso podíase ver que nos ollos dos rapaces de 4º a alegría e o nerviosismo despuntaba nos momentos previos.

Colocados todos nos seus postos, alumnos e profesores, e cos sempre tradicionais problemas técnicos de son, demos inicio ao acto.

En primeiro lugar, aproveitamos esta graduación para impoñer as insignias de “Antigos Alumnos Salesianos” aos alumnos do curso pasado que non puideron celebrar a súa graduación por culpa da pandemia. Encheunos de emoción ver como un nutrido grupo de alumnos e alumnas do curso 2019-2020, aceptaban a nosa invitación e achegábanse ao cole para ser homenaxeados.

A súa antiga titora, Noa Domínguez estaba tan emocionada coma eles mentres facía entrega do pin de D. Bosco. Estabades todos moi guapos e elegantes!

Os mozos de 4º quixeron adicar unhas sentidas palabras ao público e aos seus compañeiros máis pequenos. Luís Manuel Giraldez e Stefan Varela encargáronse de ler unhas preciosas cartas de despedida.

“…E de verdade pasadeo ben, seguide dandolle brillo a este colexio, participade en tódalas excursións, competicións deportivas, festas, etc… que este cole non sería nada sen nós. Ánimo”. S Varela

“…Cabe dicir que esto debémosllo aos profesores que estiveron aí en todo momento, de maneira directa ou indirecta, axudándonos a reflexionar, polo que deberíades escoitar o que vos din, que non o din por mal, e xa sabemos que posiblemente a vós esto, agora mesmo, non vos interese para nada, pero dentro duns anos darédeslle a razón aos que vos están a ensinar día a día”. L. Girardez

A continuación chegou a quenda dos graduados deste curso, moi ordeadiños e formais recolleron as insignias de mans de Ángeles Dolado, a nosa pastoralista. Esa insignia de D Bosco, que tanto significado ten para o noso alumnado!

Despois da imposición de insignias, chegou un dos momentos máis emotivos. Alejandra Tilve, graduada do curso anterior adicou unhas palabras de ánimo e consello ao alumnado de 4º. Palabras moi sabias e cargadas de agarimo que nos falaron do seu paso polo colexio e dos novos retos aos que os graduados deben enfrontarse na nova etapa que inician. Lembroulles tamén que o cole sempre será a súa segunda casa. Grazas, Alejandra, a túa mensaxe foi preciosa!

A continuación as delegadas de 4ºA, Almudena Falcón e de 4ºB, Nerea Castro entregaron a testemuña aos delegados de 3º da ESO. Isaak Mariño e Nicolás Vidal recollían o “Libro de Firmas”, ese libro onde tódolos alumnos de 4º que se gradúan escriben frases para a posteridade. Algunhas delas léronse no acto.

FRAN BUGALLO – destes catro anos quédome coas risas, cos bos momentos vividos cos compañeiros. Vivide estes anos con alegría e bo humor. Serán as vosas mellores lembranzas.

BRUNO PRIETO – goza a túa vida ao máximo, pero goza sempre con sentido e con moita cabeza. A túa vida é marabillosa e debes coidala.

MARTA MARCOS – soñar é a ilusión que nos manten vivos, soñade sen parar e loitade moito por facer os soños realidade.
NEREA CASTRO – grazas por ser a miña segunda familia, en pouco tempo fixéstesme sentir como na casa.

E chegou o momento máis especial, os graduados subiron de novo pola alfombra vermella para recibir a súa orla de mans da Directora, Mª Asunción Rodríguez Tesouro e a flor gerbera de mans dos seus respectivos titores, a flor coa que obsequiar ás súas familias, recoñecendo o esforzo que fixeron por eles nestes anos. Familias que non puideron estar no acto por culpa do protocolo Covid.


A festa non terminou aquí, aínda quedaban dúas sorpresas. A primeira delas, unha entrega de premios moi divertida e especial. Se alguén “sufriu” a estes mozos e mozas durante catro anos foron os profesores; así que os raparigos decidiron entregar os primeiros “Premios Óscar aos Docentes Salesianos”. Houbo leña e agarimo a partes iguais e os sorprendidos profesores recolleron os seus premios con moita dignidade. Perdoade que nos gardemos as frechas alí pronunciadas, pero para coñecer as reviravoltas da convivencia diaria profesor-alumno hai que estar sentado nos nosos pupitres!!!

E como non podía ser menos, unha celebración neste colexio non podía acabar sen música. Aínda que a pandemia non nos deixou reunir aos nosos músicos durante todo o curso, os de 4º sacamos o Do de peito e fixemos duas peciñas moi xeitosas.

Empezou Manuel Abel, guitarreando un só de Black Sabbath, e continuamos toda a tropa de 4º, acompañados polos profesores Herme, David e Noa, cun tema de Fito e Fitipaldis adicado aos máis novos do colexio, “Acabo de chegar”

En definitiva, unha velada intensa e sentida que nos fixo esquecer a distancia física e que nos encheu o corazón de emoción e agarimo.

Parabén graduados do curso 2020-2021 e ata pronto!!!!

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *