O xoves 27 de maio o alumnado de 1ºESO realizou a Ruta da pedra e da auga. Partiron do colexio, adentráronse na ruta dos muíños de Barrantes e chegaron camiñando ata a área recreativa coñecida como a Aldea Labrega.
Na Aldea Labrega realizaron un xogo de orientación, tendo que buscar as pistas na contorna ata descubrir a mensaxe final que se agochaba tralas letras que foron achando grazas ao seu sentido da orientación e ao seu enxeño. Ademais, apañaron follas de diferentes especies para identificalas posteriormente en Bioloxía e Xeoloxía.
Logo dun tempo de descanso, chegou o momento de compartir xuntos o xantar no merendeiro, ao aire libre, respectando as distancias e cumprindo con tódalas medidas de protección contra a Covid-19.
A rapazada de 1ºESO desfrutou dunha xornada de convivencia e de coñecemento persoal fóra do centro, valorando a flora e a fauna da ribeira do río, sensibilizándose sobre o respecto ao medio ambiente e practicando actividade física ao aire libre, que máis se pode pedir?