Parece que a choiva nos dá unha tregua e o sol nos permite sacar o máximo rendemento ás horas de clase! E por fin sacamos un anaco de tempo para contarvos todo o que levamos feito ata o de agora (os comezos sempre son duros!!!). Son tantas e tantas cousas que é difícil saber por onde empezar… O mellor será empezar polo principio pero resumindo, claro.
Tiñamos tantos plans na nosa mente que non tivemos tempo de mostrar todo o que estes rapaces e rapaces están a facer neste novo ciclo da súa vida. Os comezos resultaron difíciles para todos, non só porque era un grupo novo que viña de diferentes centros educativos con ideas e formas de traballar diferentes, senón pola situación que estamos a vivir coa COVID; pero nada que non se puidese solucionar cun “sorriso de ollos”. Nada disto foi un problema porque estes rapaces e rapazas son espectaculares e traballan duro para axudar, comprender e aprender novas cousas cada día.
Empezamos con algo moi importante e que é a base da vida na natureza “a recollida de semente”. Recollemos diferentes sementes e empregamos diferentes técnicas para extraelas: cucamelóns, Kiwanos, pepinillo das indias, xudías roxa china, esponxas vexetais, faba espada, pemento gorro de ovispo, chiles, tomates, col china , pipas de xirasol… non tivemos parada para que toda a semente estivera nas mellores condicións.
Estas rapazas e rapaces viñan con moita ilusión e con moita gana de traballar así que tivemos que comprar ferramenta e máis ferramenta para que puidesen “desafogar” esas ansias polo traballo ben feito! E aínda quedaba por chegar a maquinaria pesada!
Mentres a maquinaria pesada non chegaba para preparar a terra para o cultivo, chegou un tractor caído do ceo; é un dicir claro, chegou Alberto co seu tractor. Grazas Alberto por todo! Por explicarnos como empezaches a traballar no sector agrario e como montaches a túa empresa. Alberto é un rapaz moi novo pero cheo de sabedoría.
Deixounos a parcela lista para poñernos mans á obra, mellor dito, á agricultura.
Agora tocaba replantear para que cada grupo de alumnos tiveran a súa parcela de traballo, así que tiramos de cinta, cordel, estacas e paciencia para que quedaran perfectas e demostrarlle a estes alumnos e alumnas que eles poden facer todo o que se propoñan. Non foi nada fácil claro, cordel para un lado cordel para outro, pero aquí tedes o resultado.
Por fin chegou o momento esperado por todos, a artillería pesada! Estreamos maquinaria. Parecíamos nenos con zapatos novos (eu incluída, claro).
E como era visto, non podíamos pasar sen probar as máquinas!
Estivemos aprendendo un montón de cousas novas, sobre todo a comunicarnos e a facer amigos novos a pesar da situación na que vivimos.
Xa vedes, estes rapaces traballaron moi duro. Fixeron replanteos, sementeira, plantación, mantementos de xardín, arrancaron iucas “irresistibles-resistentes”. Non houbo cousa que se lles resistira! Están feitos uns campións. Algúns días estabamos un pouco máis cansados así que fixemos algún traballo máis lixeiro como preparar os bancais do invernadoiro, poñer o sistema de rego, plantar as patacas, poñer o acolchado de plástico, plantar leituga…
E outros parecía que nos comíamos o mundo, así que levantabamos ata as pedras e preparabamos os bancais para os tomates, pementos, berenxenas, pementillas… e todo o que o tempo nos permita, claro.
Pero non todo foi traballar, tamén tivemos momento para a diversión tanto na festa de Nadal…
como no Entroido. Iso sí, respectando sempre as medidas de seguridade.
Xa vedes, estes rapaces e rapazas non teñen parada.
Quedaronme atrás milleiros de cousas por contar, pero intentarei poñervos ao día de todo o que imos facendo. Xa temos moitos proxectos en mente que esperamos levar a cabo en breve e contárvolos.
Unha das cousas que máis valoro deste grupo de rapaces e rapazas é o esforzo que están poñendo por sacar a diante esta nova etapa da súa vida na situación que estamos a vivir. Ánimo “agrieris” que o imos conseguir entre todos.
Álvaro e Gabriel cun escáncer.
Despedímonos ata outro día. Deixovos unha foto para que vexades a sorte que teñen estes alumnos e alumnas de traballar coa natureza .