Traballo por Proxectos
Resiliencias
Resiliencia é a capacidade de adaptación dun ser vivo fronte a un estado ou situacións adversas. Esta é a aprendizaxe fundamental que vai realizar o noso alumnado a través do proxecto de aprendizaxe-servizo que iniciamos. Aprenderán a crer nas súas posibilidades, a mellorar día a día, a adaptarse ás circunstancias, a medrar como persoas, en definitiva, é un proxecto para traballar as fortalezas individuais. Ao longo do curso coñecerán diferentes exemplos de superación persoal que lles servirán de exemplo para acadar os seus propios obxectivos, para desenvolver a empatía e valorar os seus propios logros.
O motor do proxecto é Merchi Álvarez, antiga alumna do colexio, presidenta de GaliciAME (Asociación Atrofia Muscular Espinal), quen fará posible que nos visiten persoas con historias de vida tan interesantes como Gil Barreno Llano, Alberto Rodríguez, Susana Rodríguez, Pedro Nimo, Xabier Vizcaíno, Desirée Vila, Rober Pier, Joaquín Gago e o doutor Carracedo. Incluso a fundación ONCE colaborará cun circuíto multisensorial para o alumnado. É un proxecto de aprendizaxe-servizo no que as súas accións terán repercusión nas persoas e no contexto máis próximo a eles, mellorando elementos da contorna, facendo dos nosos centros e pobos lugares máis accesibles, sen barreiras. A nivel académico trátase dun proxecto interdisciplinar e transversal, xa que practicamente tódalas materias participan con diferentes tarefas.
Horto Escolar
Os hortos escolares son, hoxe en día, ferramentas educativas moi empregadas en centros de tódolos niveis educativos. Na maioría dos centros o espazo é un factor limitante á hora de empezar un horto, pero a nosa escola conta con grandes extensións de terreo e invernadoiros que nos van permitir poñer en marcha o proxecto da horta escolar.
Coa posta en marcha da horta estes privilexiados espazos exteriores, que marcan a diferenza do noso cole co resto, pasarán a funcionar como unha extensión ás aulas, que poderá se empregada por practicamente todas as materias, O traballo na horta tamén servirá para fomentar o traballo en equipo, recuperar tradicións, promover o coidado polo medio e concienciar ós alumnos e alumnas sobre a importancia de manter unha boa alimentación na que se consuman produtos de proximidade e ecolóxicos.