O 22 de novembro, como tódolos anos, no noso centro celebramos unha das veladas máis especiais, a de Santa Icía, a patroa da música. Nos centros salesianos, a música é un dos alicerces do noso estilo educativo, do estilo educativo de Don Bosco.
Este ano quixemos ademais que esta celebración fora aínda máis especial pois procedemos á clausura dos actos de celebración do 75º aniversario do noso centro, que iniciamos o curso pasado.
Nun primeiro momento, tomaron a palabra o director da Obra Salesiana, don Luís García Quijano, quen fixo un breve percorrido pola historia do noso centro, desde as súas orixes como seminario ata a actualidade, como centro de ESO e de CFGB (Ciclos Formativos de Grao Básico) tendo como referencia o libro conmemorativo escrito polo recentemente falecido don Ildefonso García Nebreda, salesiano e antigo director do centro, a quen se lle rendiu un sentido aplauso en recoñecemento do seu labor na nosa casa salesiana.
A continuación, o alcalde de Cambados, don Samuel Lago Ozón, tamén falou da importancia da presencia salesiana na nosa contorna e do futuro que aínda temos por diante para seguir formando cidadáns e cidadás exemplares que tomarán o relevo nun futuro máis ou menos próximo.
Os actos de peche do 75º aniversario continuaron coa presenza dun dos primeiros alumnos do centro e veciño de Castrelo, don Manuel Padín, quen respondeu ás preguntas realizadas pola rapazada de 1ºESO sobre o seu paso polo colexio e as experiencias vividas naquel tempo. Foi un momento de encontro entre as xeracións máis novas e a veteranía dos máis experimentados.
Como experimentada foi a voz da seguinte persoa que subiu ao escenario, o salesiano don Carlos Lorenzo Barata, quen reside na actualidade na casa salesiana de Castrelo e onde comezou os seus estudos. Don Carlos estivo acompañado por dous irmáns salesianos, don José Moure, que pertence á mesma promoción ca don Carlos, ámbolos dous son da 2ª promoción, da de 1948 e don Antón Conde, da 1ª promoción, de 1947.
Esta primeira parte da velada concluíu coa entrega, en nome de toda a comunidade educativa, dunha lámina coa fachada do edificio feita en acuarela por un docente do colexio e un ramo de flores para dona Ángeles Dolado Fernández, por cumprir este curso 25 anos como docente no centro e para dona Noemí López Rubio, a coordindadora da Granxa-Escola Serantellos, por ter cumprido no 2022 tamén 25 anos como traballadora do centro. Don Manuel Uzal Campos, profesor xubilado do centro e primeiro director pedagóxico seglar do mesmo, foi o encargado de entregarlles os presentes ás educadoras homenaxeadas.
Como antesala da parte estritamente musical da velada, procedeuse ao visionado dunha montaxe fotográfica con imaxes que facían un percorrido desde a doazón de Dona Dolores del Valle dos terreos para construír o centro, pasando polos primeiros alumnos do centro, a construción do edificio principal e observando a evolución do mesmo e do alumnado ata chegar á actualidade.
Finalmente, o grupo musical Serantellos, formado polo alumnado do centro e dirixido por don Hermenegildo González Santos, interpretou varias pezas musicais que agradaron a tódalas persoas alí presentes, tanto ao alumnado, como ao profesorado, á comunidade salesiana, aos ex-alumnos e ás familias que enchían o teatro con motivo desta celebración. Os pipas, o equipo técnico formado tamén por alumnado do centro, foron os encargados de que todo funcionara á perfección e o alumnado do CFGB de Agroxardinaría e Composicións Florais decorou o escenario con diferentes centros e arranxos florais feitos por eles mesmos.
O peche da velada foi da man e da voz de Eder, un antigo alumno, músico profesional e dono da Orquestra América de Vigo, quen nos deleitou co seu talento musical que naceu sendo alumno do noso centro.