E para finalizar o 1º Curso de FP básica de Agroxardinería e Composicións Florais os alumnos e as alumnas visitaron as instalacións de varias empresas da zona como Horsal, Viveiros Outón e Invernadoiros Lola e Serafín. Está claro que é necesario vincular de primeira man este ciclo formativo co mundo empresarial, xa que estas poderían ser algunhas das súas saídas laborais. O alumnado estivo atents en todo momento ás explicacións recibidas e fixeron preguntas sobre todas as dúbidas que lle foron xurdindo.
A primeira hora da mañá visitamos Horsal (Vilariño- Cambados) da man de Fernando, Xerente da Cooperativa, quen nos explicou todo o proceso de recepción, manipulación, etiquetado, envasado, almacenaxe do producto e a hixiene. Además tamén nos explicou a importancia de organizar os cultivos dos cooperativistas dun ano para outro para poder servir ás empresas de alimentación coas que traballan.
Preparándonos para entrar na Cooperativa. Mirade a Gloria e Iago que contentos!
Explicáronlles a importancia da recepción da mercadoría e da súa manipulación e envasado.
Fernando amosounos a súa última liña de producción que se puxo a funcionar hai uns meses, produción de IV Gama 100 % galego de leituga rizada envasada e lista para comer.
Fernando explicando a limpeza e envasado da leituga de IV Gama
E tamén a liña de clasificación do tomate onde unha máquina os separa automáticamente en función do tamaño, da forma e da cor.
Tamén nos explicou que un almacén deste tipo debe ter unha zona de descarga do produto antes da súa manipulación, unha zona de recepción e control, zona de almacenaxe, zona de manipulación de mercadorías e preparación de pedidos, zona de expedición e zona de carga, de forma que dentro da fábrica debe haber unha circulación dos produtos dende a zona de recepción á zona de expedición. Ademais, ten que haber outras zonas especiais como zona de almacenaxe de material (palets, envases, caixas…) e as cámaras frigoríficas.
Ensinounos as cámaras frigoríficas onde os produtos recibidos deben estar separados dos produtos listos para comercializar.
Se queredes coñecer algo máis da Cooperativa aquí vos deixo a ligazón https://www.horsalscg.com/.
Rematada a visita, puxemos rumbo aos invernadoiros de Lola e Serafín (Ribadumia). Lola, a nosa anfitrioa, explicounos o traballo que é necesario facer día a día nos invernadoiros, os custes das materias primas e as ganancias que se poden obter cando se fai un bo traballo. Tamén nos amosou os diferentes sistemas que usan para loitar contra as pragas buscando sempre reducir o uso de produtos fitosanitarios. Explicounos a importancia dunha boa ventilación dos cultivos, un abonado correcto e rego controlado buscando sempre mellorar o cultivo e reducir os custos. Ademais deunos unha clase práctica de cal é o momento óptimo de recollida de pemento tipo Padrón, das diferentes variedades de tomate e xudía que cultiva e tamén nos explicou as diferentes pragas que afectaban aos cultivos como a mosca blanca, o pulgón, a tuta, …
Lola fíxonos un resumo moi importante que nos axudou a afianzar os conceptos que levamos aprendidos durante todo o curso.
E para seguir afianzándoos, a seguinte visita foi Viveiros Outón onde nos recibiu Cristina, quen con moita amabilidade e entusiasmo nos explicou as tarefas diarias que hai que realizar dentro das instalacións do viveiro, dende a recepción da mercadoría, limpeza das diferentes zonas, limpeza de ramas e follas secas, poda das árbores, rego, colocación de planta, abonado, tratamentos fitosanitarios… ata a atención ao cliente. Díxonos que para atender ben a un cliente é necesario coñecer previamente os produtos e as necesidades das plantas coas que se traballa e tamén coñecer as necesidades do cliente para ofrecerlle o que realmente necesita.
Cristina explicando as diferentes zonas do viveiro
E, como non, despois de tanto traballo , un merecido descanso para comer (sempre mantendo as medidas de seguridade COVID-19, por suposto), descansar e entrablar conversa cos compañeiros e profesores sobre as experiencias vividas.
E aquí rematou o noso día. Con sentimentos de ledicia polo aprendido, de inquedanza polo futuro, de nerviosismo polo final do curso. Pero, ante todo, de agradecemento a todas as persoas que fixeron posible este día, en especial a Fernando, Lola e Cristina por pasar o día con nós e compartir a súa sabedoría e as súas vivencias. Parabéns e moitas grazas! O curso que vén seguiremos…