Todos os que visitan o noso colexio por primeira vez e trapasan a porta principal sorpréndense pola amplitude do patio, as pistas deportivas, a granxa, a horta, os xardíns e as zonas verdes que nos rodean, elementos diferenciadores e únicos que non podemos atopar en ningún centro educativo da comarca.
Estar rodeados de natureza permítenos compartir espazo con infinidade de seres vivos, destacando entre eles algunhas aves que fan do noso cole o seu fogar ou o seu lugar de alimentación. Queres coñecelas? Aquí vos presentamos a algunhas delas…
CURUXA (Tyto alba): Unha das aves de rapiña máis fermosas que podemos observar, aínda que para vela temos que agardar ó lusco-fusco cando sae dos seus niños para capturar pequenos mamíferos coma os ratos, por iso son moi boas controladoras de pragas.
Temos a sorte de que no tellado do noso cole habita unha parella, queres saber onde? busca no chan as súas egagrópilas (restos de pelo e ósos compactados que non pode dixerir e expulsa pola boca) e mira cara arriba, aí estará a súa casa.
LAGARTEIRO (Falco tinnunculus): Se algún día observas un pequeno falcón parado no aire, ten por seguro que se trata dun lagarteiro buscando alimento. Se agudizas o oído ás veces podes escoitalos cos seus chíos característicos. Aliméntanse de lagartos, ras, pequenos paxaros, ratos e en menor medida insectos.
Miñato (Buteo buteo): E como non iamos ter entre as aves do xardín á ave de rapiña máis abundante de Europa?. É doado ver unha parella de miñatos voando en círculo mentres buscan alimento. Adáptase moi ben ás modificacións que o ser humano leva a cabo no medio natural polo que é doado velos pousados nos postes da luz ou teléfono, nos sinais de tráfico, etc… Entre abril e maio é doado sentir dende o patio os chíos insistentes das crías dende o niño que fan na pequena plantación de eucalipto que hai tras a granxa escola.
Bubela (Upupa epops): Na primavera e cara finais de curso, se temos sorte, podemos observar a este fermoso paxaro cando o patio queda tranquilo e libre de rapazada. A bubela baixa ó chan e busca larvas e pupas de insecto que poidan estar soterradas ou baixo os restos vexetais empregando o seu longo peteiro para atopalos e capturalos. A mediados de maio buscan ocos nas árbores ou en edificacións abandonadas onde construir o niño no que a femia porá de 7 a 10 ovos e quedarase para alimentar ós polos coa comida que lle trae o macho.
Gaio ou Pega marza (Garrulus glandarius): Esta colorida ave é da familia dos córvidos, pero moito máis chamativa coas súas plumas de varias cores, destacando as plumas azuis das súas alas. Habita principalmente as zonas boscosas pero de cando en vez tamén se pode ver voando nos patios do cole. O Gaio é omnívoro e durante a primavera aliméntase de insectos, ovos de outras aves, ou froitos, e durante o outono e inverno aliméntase de castañas ou landras que recolle e enterra para poder ter alimento durante todo o inverno.
Verderolo común (Chloris chloris): Os pequenos verderolos tamén visitan os nosos patios e zonas verdes alimentándose de sementes, piñóns, e tamén busca froitos carnosos, aínda que na primavera busca insectos para alimentar ás súas crías.
Poden criar ata 3 veces no ano e constrúen niños empregando ramas moi finas, plumas, raíces, musgo, liques e herbas.
Paporrubio (Erithacus rubecula): Este pequeno paxariño é incofundible co sei chamativo peito de cor laranxa. Podemos velo sobre todo no inverno, buscando insectos polo chan ou subido nas polas das árbores para deleitarnos co seu canto. A pesar do seu pequeno tamaño trátase dunha ave moi agresiva tanto con outras especies como cos seus conxéneres.
Estes son só algúns dos habitantes alados que habitan os xardíns do noso cole, así que, xa sabes, a próxima vez que vexas algún paxaro sobrevoando o patio ou buscando alimento seguro que podes identificalo.