NON TODO SE APRENDE NAS AULAS!

A pasada semana tivemos a oportunidade de realizar unha saída cultural co alumnado de 1º e 2º da ESO.

Para conmemorar o Día dos Museos desprazámonos á cidade da Coruña, onde puidemos visitar os seus museos científicos.

No Domus, primeiro museo interactivo do mundo dedicado ao ser humano, desfrutamos dunha mañá na que puxemos a proba os nosos sentidos e habilidades con distintas actividades, dentro do marco privilexiado que supón a edificación do coñecido arquitecto xaponés Arata Isozaki, aos pés mesmo da enseada do Orzán, aberta ao Océano Atlántico.

Na Casa das Ciencias, ademais de experimentar en primeira persoa co mundo da Física, desfrutamos dunha sesión no Planetario, ubicado no máis alto da cúpula. Sen dúbida unha gran experiencia!.

O tempo acompañounos e, no propio parque de Santa Margarita, tras unha axitada xornada matinal, os bocatas ao aire libre souberon de marabilla!.

Xa pola tarde visitamos o Aquarium Finisterrae, onde investigamos e aprendemos sobre a diversidade mariña do noso océano. Cabe destacar o que nos impactou a sala Nautilus, adicada á obra de Julio Verne “Vinte mil leguas de viaxe submarina” e o ben que o pasamos vendo alimentar ás focas.

Para rematar a xornada fixemos unha pequena andaina ata a Torre de Hércules, único faro romano e o máis antigo en funcionamento do mundo, que foi declarado Patrimonio da Humanidade no ano 2009.

Foi un día de convivencia e aprendizaxe insuperable. Só podemos engadir que volvemos con moitas ganas de ir pensando na seguinte saída!

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *