O alumnado de 2º de FPB de Agroxardinaría visitou o mercado de flores de defuntos que se celebrou os días 28, 29 e 30 de outubro na praza de Fefiñáns (Cambados).
Este evento, que é unha das feiras de defuntos onde se congregan un gran número de vendedores, aportoulle á nosa rapazada unha visión de futuro na súa vida laboral, xa que estiveron en contacto directo cos vendedores; incluso chegaron a entrevistalos para coñecer un pouco máis sobre como funciona o sector, as variedades de flores máis empregadas nesta época, o tipo de centros máis demandados, os inconvintes de traballar neste sector…
O alumnado estivo en todo momento fotografando e observando todas e cada unha das actividades que se fixeron ao longo da mañá do venres.
Esta visita permitiulles coñecer de primeira man o traballo levado a cabo tanto polos floristas da zona que realizaron os centros de flores, como polas persoas que producen flor (cultivadores) na contorna e que nesta época se adican a realizar centros coas flores que coidan con agarimo dende principios de verán. Moitas destas persoas explicáronlle á rapazada que a parte máis dura é a de coidar as plantas e que estas non sufran o ataque de enfermidades e pragas durante o proceso de desenvolvemento da planta; tamén é difícil conseguir que toda a flor chegue en perfecto estado para estas datas. Ademais, fixeron fincapé en que este ano foi complicado para a produción de flor xa que foi un ano con moita humidade, o que propiciou a aparición de máis pragas e enfermidades do habitual; nestes últimos días houbo moita calor, o que provocou que a flor non abrise. En canto ao traballo na produción de flor, o que máis lle recalcan é a importancia de ser constantes no traballo para que todo saia á perfección e para evitar o maior número de incidentes posible. Segundo os vendedores, este ano parecía que se ían vender máis os centros con flor máis económica, como o crisantemo e a margarida, que os centros máis caros, de orquídeas ou rosas.
Os alumnos e as alumnas, coa axuda dos vendedores, tomaron contacto coas diferentes variedades de flores e de verdes que se empregan nos centros, ademais de identificar o material necesario para a súa creación e as diferentes formas empregadas na elaboración dos mesmos.
Temos que darlle as grazas a todos os vendedores que axudaron ao noso alumnado a coñecer mellor este sector , e darlle as grazas dobremente a aqueles que amablemente lles contestaron a todas as súas dúbidas. Deica pronto.